Galicia fíxose na diáspora

by - sábado, octubre 23, 2010

Dona Diáspora aplaudiu con forza as palabras do xeneroso cabaleiro don Manuel Rivas na presentación da súa novela Todo é silencio na compostelá praza de Cervantes. Que o escritor sexa un referente na literatura mundial non lle fai esquecer que neste noso curruncho atlántico erguéronse máis de 300 escolas coas achegas que viñeron da Arxentina, Cuba e Uruguai. Sempre repetimos esta cifra que é grande pero segundo quen sabe máis deste tema, Vicente Peña Saavedra, son máis de catrocentas as que se fixeron. O profesor Peña suliña que máis de 330 delas foron de fundación societaria e máis dun cento de creación individual. Aquí temos un moi característico xeito de axudar facendo patria. Os que emigraban tiñan “un profundo sentimento de compromiso e solidariedade coa súa terra de orixe” porque “a súa vontade era a de superar as carencias das escolas públicas do momento”.

Na novela de Rivas ---que sen dúbida terá un grande e merecido éxito--- entramos da man dos seus protagonistas no interior dunha destas escolas de emigrantes que agora está abandonada pero que aínda garda pequenos tesouros que a luz amosa polas fendas do tellado. No chan atópase un mapa do mundo en madeira no que os continentes gardan algo do seu noutroura brillante verniz. O autor está homenaxeando a todos aqueles milleiros de corazóns galegos que aforraron cartiños para que na parroquia houbese unha boa escola onde os fillos se puidesen facer mellores persoas. Os que marchaban asumían un compromiso coas xeracións futuras e iso hai que recoñecelo xa que outras comunidades no exterior rompen o elo coa orixe para dedicarse en exclusiva ao seu progreso persoal.

O tema das escolas fixo que dona Diáspora recorde a un vello amigo falecido en terras uruguaias ao mesmo tempo que reflexiona sobre o chamado voto emigrante. Cando Xoaquín Alonso Pérez [Morgadáns-Gondomar] chegou a Montevideo, aló por 1920, os primeiros cartiños que aforrou foron para a escola da súa aldea. Era camareiro nun bar dun familiar na zona portuaria. En Morgadáns o edificio estaba rematado pero había que pagarlle ao mestre. O más salientable destes envíos monetarios era que formaban parte dunha longa cadea de soliedariedade xa que uns anos antes o pai de Xaquín estivera axudando para erguer o edificio. Estou a pensar nos descendentes uruguaios deste emigrante que non entenden que lles digan que non poden votar porque viven lonxe cando o certo é que sempre estiveron aquí.

Dona Diáspora coñece algunhas das moitas chafalladas que se fixeron co voto dos emigrantes pero iso non invalida que haxa que cortar ou eliminar. Os trampulleiros non foron os emigrantes senón os famosos axentes electorais contratados polos partidos políticos. Nos concellos é razoable o establecemento dunha limitación na participación daqueles que levan moitos anos fóra. O poeta Carlos Penelas está censado no concello paterno pero é home sensato e di: “Yo no puedo opinar sobre asuntos de Coirós” xa que “además de no conocer a la gente que gobierna el municipio” tamén “veo que acá se tiene otra visión y sensiblidad sobre la cosa pública”. A filla montevideana de dona Balbina de Rebordelo, Raquel, pensa do mesmo xeito cando di que “sería una atrevida si con mi voto inclinase la balanza para un lado sin saber si eso es lo mejor para el desarrollo del lugar en el que nació mi viejo”.

Hai que ser agradecidos. Calquera cidadán normal desaproba as medidas penalizadoras contra os herdeiros do sangue galego na diáspora. Cun exemplo pódese entender mellor: chega ao aeroporto de Madrid a neta de Xoaquín de Morgadáns e logo de preguntarlle polos cartos que trae no peto é rexeitada e devolta ao seu país de orixe. Non é xusto pero o responsable non é o funcionario de servizo no aeroporto senón o goberno que non lexislou no senso de establecer que o avó da moza uruguaia xa pagou por ela cando axudou ao melloramento da educación pública. Así debería ser pero non houbo sensibilidade ningunha. Poida que a maioría dos deputados pense que non se lle debe nada aos emigrantes. Claro que logo veñen coas desculpas de mal pagador diante das queixas dos embaixadores americanos por expulsións sen causa xustificada cometendo unha inmoralidade ao mesmo tempo que se ofende a memoria dos devanceiros.

Dona Diáspora estivo en Fisterra. Ten alí un bo amigo mariñeiro, Alexande Nerium, que escribe fermosos poemas nos que o mar é o protagonista principal seguindo a singradura daqueles heroes fisterráns que no peirao de Avellaneda [Bos Aires] deixaron a súa pegada de irmandade. Naquela outra beira do mar naceu un poeta, Carlos Penelas, que adoitaba navegar por rúas e prazas porteñas pero que tiña a súa gamela ancorada no mirador de Espenuca. En 1985 escribe uns versos titulados “Fisterra” que hoxe poden ler os visitantes do didáctico Museo da Pesca instalado no castelo de San Carlos. Para todos aqueles negacionistas dos dereitos sociais dos emigrantes cómpre certificar que por enriba dos pasaportes está a forza sentimental de Galicia. Alexandre e Carlos son dúas persoas afastadas por doce mil quilómetros pero unidos pola máis forte e duradeira das aliaxes: aquela que sae do corazón. O encontro entre ambos creadores foi acompañado polas lixeiras ondas que paseniñamente se ían esparexendo para escribir no areal da Ribeira: Forza Fisterra!

Manuel Suárez Suárez
Máis Galiza diaspora, 21 de octubre de 2010

You May Also Like

0 comments